{"id":4017,"date":"2026-06-10T12:02:49","date_gmt":"2026-06-10T12:02:49","guid":{"rendered":"https:\/\/salimat.es\/salimat-abanca-2026-supera-expectativas-record-de-expositores-1-200-reuniones-en-sus-encuentros-internacionales-de-negocio-y-109-480-visitantes\/"},"modified":"2026-06-11T13:32:07","modified_gmt":"2026-06-11T13:32:07","slug":"salimat-abanca-2026-supera-expectativas-record-de-expositores-1-200-reuniones-en-sus-encuentros-internacionales-de-negocio-y-109-480-visitantes","status":"publish","type":"post","link":"https:\/\/salimat.es\/gl\/salimat-abanca-2026-supera-expectativas-record-de-expositores-1-200-reuniones-en-sus-encuentros-internacionales-de-negocio-y-109-480-visitantes\/","title":{"rendered":"Salimat Abanca 2026 supera expectativas: r\u00e9cord de expositores, 1.200 reuni\u00f3ns nos seus Encontros Internacionais de Negocio e 109.480 visitantes"},"content":{"rendered":"
Silleda, 11 de xu\u00f1o de 2026.- <\/em>O 29\u00ba Sal\u00f3n de Alimentaci\u00f3n do Atl\u00e1ntico, o cal se celebrou do 4 ao 7 de xu\u00f1o no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), pechou as s\u00faas portas tras celebrar unha exitosa cita.<\/strong><\/p>\n As\u00ed, esta edici\u00f3n acadou r\u00e9cord de expositores directos ao reunir 297 empresas e entidades, un 3,1% m\u00e1is que a s\u00faa mellor edici\u00f3n, a do ano pasado. Unha presenza expositiva que converteu esta cita nun magn\u00edfico escaparate alimentario e gastron\u00f3mico que, xunto coa exposici\u00f3n da 48\u00aa Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, foi visitada finalmente por 109.480 persoas, dende o xoves ata o domingo ao peche da feira.<\/p>\n Ademais da s\u00faa \u00e1rea expositiva, destacaron as preto de 50 innovaci\u00f3ns alimentarias presentes en Alinova, os seus m\u00faltiples showcookings con reputados chefs, o seu concurso de tortilla, infinidade de talleres de coci\u00f1a, catas, degustaci\u00f3ns e o Encontro de Creadores Dixitais, que nesta ocasi\u00f3n contou coa presenza de Paisano con Bigote, Pez Salvaje, Sen Paraxe, Culiito Inquieto, Rutas y Restaurantes, Desayuna Coru\u00f1a, Las Recetas de Malena e Pasear Galicia.<\/p>\n Reuni\u00f3ns B2B<\/strong><\/p>\n Unha vez m\u00e1is estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca facilitaron \u00e1s empresas presentes no certame a apertura de novos mercados tanto en Espa\u00f1a como noutros pa\u00edses.<\/p>\n Neste espazo lev\u00e1ronse a cabo preto de 1.200 reuni\u00f3ns nas que 130 empresas mostraron os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de quince pa\u00edses, como son Austria, B\u00e9lxica, Canad\u00e1, Colombia, Espa\u00f1a, Emiratos \u00c1rabes, Estados Unidos, Irlanda, M\u00e9xico, Panam\u00e1, Reino Unido, Rep\u00fablica Checa, Roman\u00eda, Su\u00edza e, como debutante, Honduras.<\/p>\n O peso dos compradores internacionais aumentou nesta edici\u00f3n respecto \u00e1s anteriores. As\u00ed, deles, vinte e seis eran importadores e os restantes, compradores nacionais, correspond\u00e9ndose con cinco importantes cadeas de distribuci\u00f3n alimentaria espa\u00f1olas ou con presenza no pa\u00eds como son Carrefour, Gadisa, El Corte Ingl\u00e9s, Lidl e, por primeira vez, Grupo Cuevas.<\/p>\n As opini\u00f3ns expresadas polos compradores coinciden en que os produtos presentes eran moi interesantes e de gran calidade, recibindo a organizaci\u00f3n un feedback<\/em> moi positivo. Pola s\u00faa banda, tanto grandes empresas cuxa intenci\u00f3n \u00e9 exportar a outros pa\u00edses como pequenos produtores, manifestaron a s\u00faa satisfacci\u00f3n. En canto a estes \u00faltimos mostr\u00e1ronse moi compracidos por poder reunirse con perf\u00eds da distribuci\u00f3n alimentaria nacional moi atractivos, como responsables de compras. Unha satisfacci\u00f3n por unha e outra banda que tivo como resultado un n\u00famero de negocios xa pechados en feira tan alto que \u00e9 moi pouco habitual neste tipo de encontros.<\/p>\n A estas mesas de negocio engadiuse unha pequena viaxe de familiarizaci\u00f3n na que participaron moitos dos compradores que acudiron aos Encontros Internacionais de Salimat Abanca e a maior\u00eda de operadores tur\u00edsticos asistentes \u00e1 Bolsa de Contrataci\u00f3n de Turexpo Galicia. Comezou o venres pola tarde cunha visita ao Pazo do Faramello, situado sobre o can\u00f3n do r\u00edo Tinto, no municipio de Rois. Xa o s\u00e1bado co\u00f1eceron Cambados, onde tiveron a oportunidade de acudir ao Pazo de Fefi\u00f1\u00e1s & Gil de Armada e tam\u00e9n ao xard\u00edn da Fundaci\u00f3n Manolo Paz. Logo acudiron \u00e1 adega Terras de Asorei, no concello de Meis, e descubriron o Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xard\u00edn de Excelencia Internacional, situado en Ribadumia. Finalmente, o domingo visitaron Santiago de Compostela e a s\u00faa catedral.<\/p>\n Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2026, que se converteron unha vez m\u00e1is nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do Instituto Galego de Promoci\u00f3n Econ\u00f3mica (IGAPE) e a colaboraci\u00f3n do Cl\u00faster Alimentario de Galicia.<\/p>\n