- O CONVENIO, QUE SE MANTÉN DENDE DECEMBRO DE 2015, TEN PERMITIDO AO CERTAME INCREMENTAR NOTABLEMENTE A CALIDADE DOS SEUS IMPORTADORES
- O SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO CELEBRARÁ A SÚA 25º EDICIÓN DO 2 AO 5 DE XUÑO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
O director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, e o xerente do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), Roberto Alonso, volveron renovar onte o acordo que ambas entidades manteñen desde decembro de 2015 e que xa ratificaran en varias ocasións co obxectivo de unir forzas para incrementar a capacidade de negocio dos participantes no Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT ABANCA, e potenciar os seus Encontros Internacionais de Compradores.
Con esta renovación, que tivo lugar nas instalacións do Clúster en Santiago de Compostela, dáse continuidade a ese esforzo conxunto que pretende seguir reforzando o certame na súa próxima edición, a cal terá lugar do 2 ao 5 de xuño. Así, en virtude deste convenio Clusaga dirixirá de novo a organización dos Encontros de Compradores do salón, achegando a súa experiencia para seleccionar aqueles importadores máis importantes dos países con maior interese para a oferta alimentaria presente na feira.
Deste xeito, o acordo, que ten permitido incrementar notablemente a calidade dos compradores participantes nos Encontros, volverá maximizar en Salimat Abanca 2022 a efectividade destas mesas de negocio. Uns encontros que en 2019, última edición previa á pandemia, reuniran a 29 compradores de 17 países, e en 2021, a pesar da situación sanitaria, superaron expectativas con 18 compradores de 8 países.
Así mesmo, tras a boa experiencia das pasadas edicións, o Clúster deseñará unha vez máis no marco dos Encontros unha axenda de visitas a fábricas. Nelas os compradores coñecerán de primeira man os centros de produción de diversas empresas alimentarias galegas.
Clúster Alimentario de Galicia
Clusaga, centrado nun dos sectores estratéxicos da Comunidade, agrupa aos principais axentes da cadea de valor dos alimentos e as bebidas, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible, internacionalización e mellora da competitividade do sector en Galicia.
Entre os seus 132 socios atópase a Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora de Salimat Abanca, a cal forma parte do Clúster desde marzo de 2020.