O salón de alimentación Salimat Abanca participa por primeira vez en Saborea La Palma para promocionar a súa edición de 2026

  • ESTÁ PRESENTE CUN STAND NESTA FEIRA INSULAR DE GASTRONOMÍA, A CAL SE CELEBRA HOXE E MAÑÁ EN LOS LLANOS DE ARIDANE
  • O CERTAME GALEGO TERÁ LUGAR NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 4 AO 7 DE XUÑO DO VINDEIRO ANO

Silleda, 26 de setembro de 2025.- O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, continúa promocionando a súa 29ª edición, a cal terá lugar do 4 ao 7 de xuño do vindeiro ano xunto á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Así, se a semana pasada un equipo feiral visitou o certame Auténtica Premium Food de Sevilla, estes días Salimat Abanca está a darse a coñecer entre os participantes e visitantes da segunda edición da Feira Insular de Gastronomía, Saborea La Palma, a cal se celebra hoxe venres e mañá sábado en Los Llanos de Aridane, na illa da Palma (Canarias).

Salimat Abanca dispón dun stand nesta feira que, ademais de produtores e restaurantes da illa, conta coa presenza de distintas entidades e destinos tanto rexionais como nacionais. Unha presenza que responde a unha xa estreita relación entre a entidade feiral galega e La Palma, expositora xunto a varios produtores palmeiros nas dúas últimas edicións de Salimat Abanca e tamén en varias convocatorias do paralelo salón de turismo Turexpo Galicia, e que agora se produce á inversa, coa asistencia por primeira vez da feira galega a este evento.

Unha participación para a que conta na illa cun equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA encabezado polo seu director, Ricardo Durán, que ademais de atender aos visitantes no stand, está a levar a cabo visitas aos produtores e entidades presentes no certame.

Aposta por promocionarse noutras feiras

A presenza en Saborea La Palma reflicte a aposta da entidade feiral por acudir a outros eventos como unha das ferramentas máis efectivas para sumar novas empresas na súa mostra, xa que as visitas e participacións noutras citas achegan a metade dos novos expositores de Salimat Abanca. Ademais de Saborea La Palma e Auténtica Premium Food, a feira participa noutros moitos certames, como Alimentaria, en Barcelona; Gourmets, en Madrid; Gastrónoma, en Valencia; Gustoko, en Bilbao; Alicante Gastronómica, en Alacante; ou Xantar, en Ourense.

Con estas accións preténdese dar a coñecer as vantaxes de participar nunha feira que experimentou un gran crecemento nos últimos anos, como é Salimat Abanca. Así, tras a cita de 2025, na que sumou 288 expositores directos entre os que destacou un maior carácter internacional, chega á súa 29ª convocatoria co obxectivo de superarse como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico.

Negocio, innovación e intercambio de coñecementos serán os piares deste certame, que potenciará as súas fortalezas a través dunha atractiva mostra e unha ampla programación. Nesta última destacarán os Encontros Internacionais de Compradores, ademais de showcookings, catas, presentacións e o seu espazo de novos produtos Alinova.