O salón alimentario Salimat Abanca aposta de novo por Gastrónoma para promocionar a súa 30ª edición, que será do 3 ao 6 de xuño

  • PARTICIPA CUN ESPAZO NO STAND QUE A CONSELLERÍA DO MAR TEN NESTE CERTAME VALENCIANO, O CAL CELEBRA A SÚA UNDÉCIMA EDICIÓN DENDE ONTE E ATA MAÑÁ
  • A FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA ESTÁ PRESENTE POR CUARTA VEZ NESTA CITA, TRAS ACUDIR CON EXPOSITOR PROPIO EN 2019 E 2021 E COA XUNTA DE GALICIA EN 2025

Silleda, 27 de outubro de 2026.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA participa dende onte e ata mañá na Feira Gastronómica do Mediterráneo, Gastrónoma 2026, a cal celebra en Valencia a súa undécima edición.

O seu obxectivo non é outro que a promoción do 30º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, o cal terá lugar do 3 ao 6 de xuño de 2027 no recinto feiral, de forma paralela á 49º Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Unha cita que ademais de conformar o seu trinta aniversario como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico, será unha edición especial Xacobeo 2027, na que creará interesantes sinerxías co Ano Santo e incluirá propostas específicas relacionadas con esta celebración e o Camiño de Santiago.

Salimat Abanca acode a Gastrónoma 2026 cun espazo no stand que a Consellería do Mar ten neste certame valenciano. Unha presenza que supón apostar de novo por un certame no que xa participou con stand propio en 2019 e 2021 e tamén baixo o paraugas da Xunta de Galicia en 2025.

Un equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA, co seu director, Ricardo Durán, á cabeza, é o encargado tanto de informar sobre Salimat Abanca 2027 no seu espazo como de visitar a outros expositores da feira.

Unha intensa promoción

A presenza en Gastrónoma súmase a unha intensa difusión de Salimat Abanca 2027 noutras feiras, dada a efectividade desta ferramenta para sumar novas empresas na súa exposición. Así, xa participou en Auténtica Premium Food, en Sevilla, e en Fromago Cheese Experiencie, en Zamora; ademais de estar programadas visitas comerciais ou participación con stand en Gourmets, en Madrid; Xantar, en Ourense, Forum Gastronómico, en Coruña; Etiqueta Negra, en Pontevedra e Anuga Select Ibérica, en Madrid, entre outros eventos.

Con estas accións preténdese dar a coñecer as vantaxes de participar nunha feira que experimentou un gran crecemento nos últimos anos. Así, tras a cita de 2026, na que Salimat Abanca acadou récord de expositores directos ao reunir a 297 empresas, chega ao seu 30ª aniversario co obxectivo de superarse como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico.