OS EXPOSITORES DO SALÓN REUNIRANSE CON 27 IMPORTADORES E DISTRIBUIDORES NACIONAIS DURANTE O PRIMEIRO DÍA E MEDIO DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 8 AO 11 DE XUÑO XUNTO Á FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA
Silleda, 24 de maio de 2023.- O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, o cal celebrará a súa 26ª edición do 8 ao 11 de xuño xunto á feira Abanca Semana Verde, volverá contar no seu programa cos Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países.
Nesta ocasión o salón ofrecerá aos seus expositores a oportunidade de mostrar os seus produtos a 27 importadores e distribuidores alimentarios de dezaoito países, como son Alemaña, Bélxica, China, Dinamarca, España, Francia, Irlanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia, Suíza e, por primeira vez, Filipinas.
Destes participantes, 22 son importadores, mentres que os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con dous distribuidores e con tres cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa e El Corte Inglés.
Na súa inmensa maioría mostraron a súa preferencia en coñecer produtos gourmet, ecolóxicos e de pequenos produtores. Xa de forma máis específica, aínda que hai gran interese por gran diversidade de produtos, destacan os aceites, viños e outras bebidas alcohólicas, queixos e outros lácteos, conservas, elaborados cárnicos, snacks ou mel.
Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2023, os cales contan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), posibilitarán ás empresas presentar directamente os seus produtos aos compradores a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas as partes. Estas serán durante todo o primeiro día e ata o mediodía da segunda xornada do certame.
Son así nunha eficaz ferramenta comercial, especialmente para a pequena e mediana empresa, a cal ten a posibilidade de que as súas propostas sexan incluídas na carteira de produtos dos compradores e os lineais da gran distribución.
Visitas en territorio galego
Ademais das reunións de negocio, os Encontros Internacionais de Compradores incluirán desde o xoves 9 de xuño pola tarde e ata o domingo día 11 pola mañá unha actividade na que participarán a maioría de importadores e distribuidores. Esta consistirá en visitas a varias empresas galegas e tamén a distintos enclaves turísticos de interese da Comunidade.