Más de 3.700 reuniones y acuerdos ya cerrados en las mesas de negocio con turoperadores y compradores alimentarios de 21 países, en Turexpo y Salimat Abanca

  • TIVERON LUGAR DURANTE O DÍA DE ONTE E A MAÑÁ DE HOXE NO MARCO DO SALÓN TURÍSTICO DE GALICIA E O SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO, OS CALES SE CELEBRAN XUNTO Á FERIA ABANCA SEMANA VERDE ATA O DOMINGO

Silleda, 6 de xuño de 2025.- O XIV Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, e o 28º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, celébranse desde onte e ata o domingo no marco da 47ª feira Abanca Semana Verde de Galicia. Dentro da súa vertente máis profesional estes certames acolleron durante todo o día de onte e a mañá de hoxe máis de 3.700 reunións nas súas mesas de negocio.

Así, o Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, celebrou a súa recoñecida Bolsa de Contratación, a cal, co apoio da Axencia Turismo de Galicia, volveu converterse nunha efectiva plataforma comercial para o sector coa celebración de 2.500 reunións. Nelas máis de 140 empresas puideron mostrarlles as súas propostas a, finalmente, 33 operadores turísticos con presenza en dez países, como son Alemaña, Canadá, España, Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos, Polonia, Portugal e, por primeira vez, Indonesia e Serbia. Na súa maioría son axencias tradicionais ou de “incoming” (axencias de receptivo especializados en destino España e Portugal que traballan para emisores doutros mercados), aínda que outras buscaban especificamente propostas relacionadas con turismo activo e de natureza, gastronómico, educativo para estudantes, de festas e festivais, sostible ou relixioso.

Estes operadores turísticos trasladaron á organización a súa boa experiencia na Bolsa polo gran interese da maioría das propostas e destinos presentes, á vez que moitos deles explicaron que o tamaño e formato é perfecto para aproveitar ao máximo a participación, xa que noutros encontros B2B hai tantos participantes que non acaban conseguindo bos resultados. Unha impresión que xa se ven repetindo nos últimos anos entre os operadores turísticos que acoden a Turexpo Galicia. En canto ás empresas participantes na Bolsa, destacaron que as súas expectativas de negocio son moi boas.

Pola súa banda, o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, acolleu os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo que facilita ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados, tanto en España como noutros países. Neles leváronse a cabo máis de 1.200 reunións nas que 120 empresas mostraron os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de dezaseis países, como son Alemaña, Austria, Bulgaria, Costa Rica, Dinamarca, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Filipinas, Francia, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Suecia e Suíza. Deles, vinte e dous son importadores e os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con catro distribuidores e cinco cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés, Lidl e, por primeira vez, Grupo Cuevas.

As impresións por parte dos compradores son moi positivas, destacando todos eles que coñeceron produtos moi interesantes e mesmo “sorprendentes”, algúns dos cales se verán nos lineais dalgunhas cadeas de distribución polo atractivos que lles resultaron. Así mesmo, as empresas mostraron a súa satisfacción, pechando xa algunhas delas en feira varias operacións importantes.

Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2025, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia.

Fam trip

A estas mesas de negocio engádese unha pequena viaxe de familiarización na que participará a maioría de operadores turísticos asistentes á Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia e tamén algúns dos compradores que acoden aos Encontros Internacionais de Salimat Abanca.

Comezará esta tarde cunha visita ao Pazo de Oca e os seus históricos xardíns en A Estrada. Xa mañá coñecerán a comarca do Ribeiro, con parada e comida no Pazo de Toubes, en Riobó (Cenlle), e visitas ás localidades de Ribadavia e Ourense, onde coñecerán distintas zonas da cidade e a súa catedral. O último día, o domingo, terán dúas opcións, ben visitar Santiago de Compostela e a súa catedral ou, para aqueles que xa coñecen a cidade, descubrir o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa.