- ESTE 27º SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTCO DESENVOLVEUSE DO 30 DE MAIO AO 2 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
- SATISFACCIÓN NAS MESAS DE NEGOCIO POR PARTE DE EXPOSITORES E COMPRADORES, ENTRE OS QUE SE TEN DESTACADO ESTA CITA COMO “A MELLOR FEIRA REXIONAL DE PRODUTOS GOURMET”
Silleda, 4 de xuño de 2024.- O 27º Salón de Alimentación do Atlántico, o cal se celebrou do 30 de maio ao 2 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), pechou as súas portas tras celebrar unha exitosa cita.
Así, nesta edición alcanzou cifras récord en número de expositores directos, ao chegar ás 277 empresas e entidades participantes, as cales conformaron un magnífico escaparate alimentario e gastronómico. Unha mostra que, xunto coa exposición da 46ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, foi visitada finalmente por 84.673 persoas, desde o xoves ata o domingo ao peche da feira.
Ademais da súa área expositiva, destacaron as máis de 60 innovacións alimentarias presentes en Alinova, os seus múltiples showcookings con reputados chefs, o seu concurso de tortilla, infinidade de talleres de cociña, catas, degustacións, o Encontro Gastroblogger e, por suposto, os seus Encontros Internacionais de Compradores.
Mesas de negocio
Unha vez máis os Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca facilitaron ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados tanto en España como noutros países.
Leváronse a cabo máis de 1.300 reunións nas que 150 empresas mostraron os seus produtos a 33 importadores e distribuidores alimentarios de dezanove países, como son Alemaña, Austria, Bélxica, Brasil, Canadá, Costa Rica, España, Finlandia, Francia, Italia, Israel, Xapón, Lituania, México, Malta, Polonia, Reino Unido, República Checa e Suecia. Deles, vinte e catro foron importadores e os restantes correspondíanse con compradores nacionais, que eran distribuidores e cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés e Lidl, sendo a primeira vez que esta última participaba nos Encontros.
O feedback recibido por parte dos compradores resultou moi positivo, con opinións tan favorables como a dun importador alemán que considerou que Salimat Abanca é a mellor feira rexional de produtos gourmet na que ten participado. Con este gran interese por parte de importadores e distribuidores, as empresas participantes calificaron os encontros de moi satisfactorios.
Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2024, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
A estas mesas de negocio engadiuse unha pequena viaxe de familiarización na que participaron parte dos compradores que acudían aos Encontros Internacionais de Compradores e tamén os operadores turísticos presentes na Bolsa de Contratación Turística do certame paralelo Turexpo Galicia. Comezou o venres 31 de maio cunha visita ao Pazo de Oca e os seus históricos xardíns en A Estrada (Pontevedra) e á finca de enoturismo María Manuela, en Boqueixón (A Coruña).
O sábado 1 de xuño coñeceron Ferrol, realizando unha viaxe en barco pola ría, visitando tanto o Castelo de San Felipe como o Arsenal e o museo Exponav e tamén degustando produtos do mar no Parador da cidade. Ademais, trasladáronse a Betanzos (A Coruña) para pasear polo seu centro histórico e probar produtos locais. Xa o domingo 2 de xuño coñeceron o tramo final do camiño de Santiago, visitaron a Catedral e remataron a viaxe descubrindo o centro histórico de Compostela.