- ESTE SALÓN DE ALIMENTACIÓN, QUE TERÁ LUGAR DO 8 AO 11 DE XUÑO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA ACOLLERÁ ADEMAIS MULTITUDE DE CATAS, DEGUSTACIÓNS, MASTERCLASS E OBRADOIROS
- O CHEF GALEGO MIGUEL MOSTEIRO, O VASCO DIEGO VALDIVIESO E O ANDALUZ PACO YBARRA COMPARTIRÁN UN ESPAZO NO QUE FALARÁN DO ONTE E O HOXE MENTRAS ELABORAN UN PRATO DE REFERENCIA NAS SÚAS VIDAS
Silleda, 5 de xuño de 2023.- O 26º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2023, que se celebrará xunto coa 45ª feira Abanca Semana Verde de Galicia do 8 ao 11 de xuño, contará cun completo programa no que destacará os showcookings con recoñecidos chefs, as catas e as degustacións.
Na súa “Terraza Salimat”, terán lugar numerosas propostas de cociña en vivo durante os catro días do certame. Entre elas destacarán os showcookings a cargo dos chefs Martín Mantilla e André Arzúa, ademais do conducido por Indo e Vindo Espazo Gastronómico.
Na área expositiva do certame a Consellería do Mar realizará varias sesións todos os días, nas que participarán os chefs Moisés Rodríguez, José Manuel Mallón, Emma Pinal, Begoña Vázquez, Maica Couto, Diego Domínguez e Criselda Iglesias. Ademais, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) realizará preto dunha vintena de catas e masterclass con produtos galegos con Denominación de Orixe e Indicación Xeográfica Protexida, conducidas algunhas delas polo chef José Manuel Mallón ou o sumiller Nacho Costoya. Sumaranse showcookings, catas e degustacións nun elevado número de stands da feira.
En todas estas actividades os protagonistas serán multitude de produtos, que irán desde lácteos, aceites, castañas, cárnicos, pan, mel, embutidos, conservas, chocolate, batidos, espárragos, flocos de millo ecolóxico ou doces ata café, viños de numerosas Denominacións de Orixe, vermut, txakolí, sidra, mosto, augardentes, licores ou cócteles, entre moitos outros.
Así mesmo, haberá talleres, especialmente dirixidos a escolares, centrados en aspectos como alimentación saudable, aceite ou lácteos.
Faladoiro e concurso de tortilla
O certame estrea nesta edición o “Faladoiro de Salimat”, un espazo que contará con tres grandes chefs, separados xeograficamente pero unidos pola súa paixón, a cociña, os cales falarán do onte e o hoxe mentres elaboran un prato de referencia nas súas vidas para degustar co público. Estes chefs serán o galego Miguel Mosteiro, o vasco Diego Valdivieso e o andaluz Paco Ybarra, os cales representan a tres comunidades historicamente ligadas coa boa gastronomía, pioneiras e referencia a nivel mundial.
Tamén con novidades celebrarase o III Concurso Popular de Tortilla Española “D.O.P Baena”, no cal este ano haberá dúas competicións. A primeira delas será entre dous equipos conformados, cada un deles, por cinco persoas pertencentes a unha asociación e capitaneados por dúas dos rostros máis recoñecidos e queridos da Televisión de Galicia, Duarte Galbán e Tania Veiras, quen será os únicos que poidan tocar a tixola durante a competición. O segundo enfrontamento será individual, entre as dez persoas pertencentes ás asociacións.