- PARTICIPA CUN ESPAZO NO STAND QUE A CONSELLERÍA DO MAR TEN NESTA FEIRA INTERNACIONAL DE ALIMENTACIÓN E BEBIDAS DE CALIDADE, A CAL SE CELEBRA EN MADRID DENDE ONTE E ATA O VINDEIRO XOVES
- O CERTAME GALEGO TERÁ LUGAR NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 5 AO 8 DE XUÑO
Silleda, 8 de abril de 2025.- O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, continúa promocionando a súa 28ª edición, a cal terá lugar do 5 ao 8 de xuño deste ano xunto á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.
E para iso o certame continúa apostado pola súa presenza noutros eventos como unha das ferramentas máis efectivas para sumar novos expositores, xa que as visitas e participacións noutras citas achegan a metade dos novos expositores desta feira.
Así, ademais de promocionarse a semana pasada no certame portugués, Agro, o cal tivo lugar en Braga, estes días está a darse a coñecer entre os expositores e visitantes da Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, Gourmets, a cal celebra a súa 38ª edición dende onte e ata o vindeiro xoves en Madrid.
A feira galega acode a este evento baixo o paraugas da Xunta de Galicia, dispoñendo dun espazo no stand que a Consellería do Mar ten neste certame.
Ademais, en Gourmets está presente un equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA encabezado polo seu director, Ricardo Durán, o cal no só atende aos visitantes, senón que está realizando visitas a moitas das empresas e entidades presentes. Entre elas, algunhas que xa foron expositores daa entidade galega, como La Palma, que participou con satisfacción tanto en Salimat Abanca como na paralela feira de turismo Turexpo Galicia e que estudiará xunto coa Feira Internacional de Galicia ABANCA posibles formas de colaboración entre esta e a feira de alimentación que se celebra en La Palma.
Promoción para seguir medrando
Salimat Abanca está dando a coñecer no seu espazo as vantaxes de participar nunha feira que non parou de medrar nos últimos anos e que pretende seguir facéndoo. Así, tras a cita de 2024, na que conseguiu a súa maior cifra de expositores, con 277 empresas que superaron nun 3,3% a súa mellor edición, chega á súa 28ª convocatoria co obxectivo de superarse como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico.
Negocio, innovación e intercambio de coñecementos serán os piares deste certame, que potenciará as súas fortalezas a través dunha atractiva mostra e unha ampla programación. Nesta última destacarán os Encontros Internacionais de Compradores, ademais de showcookings, catas, presentacións e o seu espazo de novos produtos Alinova.