O salón Salimat Abanca volve mostrar en Gourmets o seu atractivo como punto de encontro alimentario e gastronómico

  • PARTICIPA CUN ESPAZO NO STAND QUE A CONSELLERÍA DO MAR TEN NESTA FEIRA INTERNACIONAL DE ALIMENTACIÓN E BEBIDAS DE CALIDADE, A CAL SE CELEBRA EN MADRID DENDE HOXE E ATA O VINDEIRO XOVES
  • O CERTAME GALEGO, QUE TERÁ LUGAR NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 4 AO 7 DE XUÑO, ESTÁ REALIZANDO UNHA INTENSA PROMOCIÓN EN EVENTOS DO SECTOR QUE A TEÑEN LEVADO Á PALMA, SEVILLA, VALENCIA OU BARCELONA.

Silleda, 13 de abril de 2026.- O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, continúa coa intensa promoción que está a levar a cabo da súa 29ª edición, a cal terá lugar do 4 ao 7 de xuño deste ano xunto á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

Unha difusión para a súa convocatoria de 2026 na que a presenza en eventos do sector ten gran peso, e que a levou xa a numerosas citas feirais por toda a xeografía española, como A Palma, Sevilla, Valencia, Barcelona, Madrid ou Ourense.

Unha participación en feiras que supón unha das ferramentas máis efectivas para sumar novos expositores e que supón á súa presenza estes días na Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, Gourmets, a cal celebra a súa 39ª edición dende hoxe e ata o vindeiro xoves en Madrid.

A feira galega acode a este evento baixo o paraugas da Xunta de Galicia, dispoñendo dun espazo no stand que a Consellería do Mar ten neste certame. Ademais, está presente un equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA encabezado polo seu director, Ricardo Durán, tanto para atender os visitantes como para visitar a moitas das empresas e entidades presentes.

Salimat Abanca está a dar a coñecer no seu espazo as vantaxes de participar nunha feira imparable nos últimos anos que aposta por seguir medrando. Así, tras a cita de 2025, na que conseguiu a súa segunda maior cifra de expositores, con 288 empresas e entidades presentes, chega á súa 29ª convocatoria co obxectivo de superarse como punto de encontro do sector alimentario e gastronómico.

Turexpo e Abanca Semana Verde

Ademais do Salón de Alimentación do Atlántico, neste espazo expositivo ten presenza a 48ª Feira internacional Abanca Semana Verde de Galicia, o emblemático certame multisectorial no que se enmarca Salimat Abanca, e tamén o XV Turexpo Galicia, salón paralelo co que se xerará unha sinerxía única entre o sector alimentario e o turístico e potenciarase a estreita relación entre gastronomía e destino con oportunidades de colaboración e promoción conxunta.