A feira Salimat Abanca 2026 non entende de fronteiras e cita a compradores alimentarios de 15 países e tres continentes para facer negocio

  • OS EXPOSITORES DESTE SALÓN DE ALIMENTACIÓN REUNIRANSE CON 31 COMPRADORES NACIONAIS E INTERNACIONAIS DURANTE O PRIMEIRO DÍA E MEDIO DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 4 AO 7 DE XUÑO XUNTO Á FEIRA ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA

Silleda, 21 de maio de 2026.- O Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, que celebrará a súa 29ª edición do 4 ao 7 de xuño xunto á feira Abanca Semana Verde, volverá desenvolver os seus Encontros Internacionais de Compradores, un espazo de negocio que permite ás empresas presentes abrir vías de exportación, diversificar mercados e xerar contactos comerciais de alto valor nun curto espazo de tempo.

Nesta ocasión os expositores do salón terán a oportunidade de mostrar os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de quince países e tres continentes, como son Austria, Bélxica, Canadá, Colombia, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Irlanda, México, Panamá, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suíza e, como debutante, Honduras.

O peso dos compradores internacionais aumenta nesta edición respecto ás anteriores. Así, deles, vinte e seis son importadores e os restantes son compradores nacionais, correspondéndose con cinco importantes cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés, Lidl e, por primeira vez, a recoñecida empresa galega Grupo Cuevas.

Na súa inmensa maioría mostraron a súa preferencia en coñecer aceites, viños e outras bebidas, queixos e lácteos, conservas de peixe, elaborados cárnicos, snacks ou mel, ademais de produtos gourmet, ecolóxicos e de pequenos produtores.

Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2026, os cales contan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), posibilitarán ás empresas presentar directamente os seus produtos aos compradores a través de reunións axendadas en función dos intereses de ambas as partes. Estas serán durante todo o primeiro día e ata o mediodía da segunda xornada do certame.

Son así unha eficaz ferramenta comercial, especialmente para a pequena e mediana empresa, a cal ten a posibilidade de establecer relacións directas con potenciais clientes para que as súas propostas sexan incluídas na carteira de produtos dos compradores e os lineais da gran distribución. Ademais, contribúen a impulsar a súa competitividade nun contexto cada vez máis globalizado.

Visitas en distintos puntos de Galicia

Ademais das reunións de negocio, os Encontros Internacionais de Compradores incluirán desde o venres 5 de xuño pola tarde e ata o domingo día 7 de xuño pola mañá unha actividade na que participarán moitos dos importadores e distribuidores. Esta consistirá en visitas a varias empresas galegas e tamén a distintos enclaves turísticos de interese da Comunidade.