- AMOSARANSE NA ÁREA DE NOVOS PRODUTOS ALINOVA, A CAL PODE VERSE DURANTE TODOS OS DÍAS DESTE SALÓN, DO 30 DE MAIO AO 2 DE XUÑO
Silleda, 20 de maio de 2024.- O 27º Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca 2024, o cal se celebrará do 30 de maio ao 2 de xuño de forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde, contará na súa área Alinova con cerca de sesenta innovadores produtos alimentarios.
Esta zona dedicada ás novidades será un importante escaparate para os expositores ante o consumidor final e tamén os profesionais do sector. Ademais, as empresas fabricantes mostrarán estes produtos nos seus stands.
Nesta edición, en Alinova estarán moi presentes os produtos e conservas cárnicas, moitas delas centradas nas razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción, como un paté de lacón de Porco Celta con froito de érbedo e millo curvo e outro de chourizo de Porco Celta con queixo ou distintos chourizos e salchichóns de Porco Celta, picantóns, doces ou elaborados con vaca Cachena, algúns deles afumados con leña de carballo. Tamén caldo limpo elaborado con Galiña Piñeira, Porco Celta, Vaca Frieiresa e verduras frescas, manteiga filtrada 100% de Porco Celta, leitón de Porco Celta cocido e prensado, cabeza de Porco Celta prensada e envasada ao baleiro, capóns e tenreira criados en liberdade con alimentación natural ou produtos de cabra de raza Palmera.
Tamén serán numerosos os aceites de oliva virxe extra, entre eles un infusionado lentamente e a moi baixa temperatura con herbas, allo e chile, un obtido soamente da pulpa da oliva refugando o óso, como facían os romanos e chamaban “flos olei”, outros con esencia de anchoa, afrutado intenso a oliva verde, de variedade pico limón colleita temperá ou os ecolóxicos envero de primeiros día de novembro e verde de primeiros días de outubro. Tamén se mostrará po de aceite de oliva virxe extra recolección temperá e unha liña de AOVE solidaria contra o cancro.
Sumaranse os lácteos, como crema de queixo de cabra con allo negro, crema de queixo brie con touciño entrefebrado rabioso de Porco Celta ou novos queixos elaborados con leite ecolóxico e de vaca de pastoreo. Ademais, haberá produtos doces, como distintas variedades de alfajores, rocas de queimada, polvoróns de améndoa elaborados con manteiga de Porco Celta, novos follados de manteiga en formato mini e diversas marmeladas, con allo negro, de aceite ecolóxico con raiadura de laranxa, de aceite de oliva virxe extra de produción temperá ou de arando sen azucres engadidos.
Tamén se mostrarán bebidas, como viño albariño de autor nove meses nas súas propias leas e mínimo de catorce meses en botella ou viño rosado ecolóxico elaborado con negramoll, listán prieto e listán branco de Canarias, un licor de canela con froitas deshidratadas, blended whiskey cun 50% de malta inspirado nas fórmulas orixinais de 1906, novos vermuts galegos vermellos e brancos ou sidras, como unha espumosa seca elaborada con mazás seleccionadas de Cantabria e unha nova proposta elaborada con mazás de carne vermella que lle achega á sidra unha característica cor vermella natural.
E respecto ás conservas, destacarán algúns como caracois cocidos refrixerados, anchoas ecolóxicas sobadas a man de costeira de primavera e novos patés de produtos do mar, entre eles crema gourmet de sardiña con pemento, ou da horta, como crema de piquillo confeitado.
Por outra banda, atoparanse produtos como sopas de verduras deshidratas 100% naturais, castaña deshidrata, pelada e triturada, snack de plátano macho frito, fariña de plátano macho, infusión de plátano ou vinagre de arando ecolóxico.
Preto de 40 empresas en Alinova
Serán preto de corenta as empresas que expoñerán produtos exclusivos producidos nas súas instalacións, moitos dos cales serán presentados por primeira vez ao mercado en Salimat Abanca 2024.
Estas compañías lanzan as súas novidades baixo márcalas Galletas Xianas, A Factoría do Lume, Mióleum Gourmet, Ajo Bovedano, Olivo Real Solidaria, Almazara Saturnino Arias, Granja Los Tumbitos, Bodegas Castellun Augusti, Caracoles de Gredos, Carnicería Enxebre, Celtagal, Cienporcel, CMF Celtaporc, Dona Cobiña, D.O. D Celtas da Ulloa, Nat Hey, Sangr&a, Ibar, El Caballito Cantábrico, Finca Las Malezas, Grandor Alfajores, Haza La Centenosa, A Perla Illas Cíes, Lorygranja Capón de Covelo, Pintarré, MareTerra Conservas, Migaya, Cibrao, Socorritos de Cervera, Batuxo, Sierra Santo Tomé, Salsasón, Vega Norte, Somarroza, Silió Berries, Sofragal e Tres Fuciños Sociedade Cooperativa Galega.