- ESTE 29º SALÓN DE ALIMENTACIÓN DO ATLÁNTICO DESENVOLVEUSE DO 4 AO 7 DE XUÑO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA)
- “PRODUTOS DE GRAN CALIDADE” E “SATISFACCIÓN” NUNHAS MESAS DE NEGOCIO CUN ALTO NÚMERO DE ACORDOS XA PECHADOS EN FEIRA POUCO HABITUAL NESTE TIPO DE EVENTOS
Silleda, 11 de xuño de 2026.- O 29º Salón de Alimentación do Atlántico, o cal se celebrou do 4 ao 7 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), pechou as súas portas tras celebrar unha exitosa cita.
Así, esta edición acadou récord de expositores directos ao reunir 297 empresas e entidades, un 3,1% máis que a súa mellor edición, a do ano pasado. Unha presenza expositiva que converteu esta cita nun magnífico escaparate alimentario e gastronómico que, xunto coa exposición da 48ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, foi visitada finalmente por 109.480 persoas, dende o xoves ata o domingo ao peche da feira.
Ademais da súa área expositiva, destacaron as preto de 50 innovacións alimentarias presentes en Alinova, os seus múltiples showcookings con reputados chefs, o seu concurso de tortilla, infinidade de talleres de cociña, catas, degustacións e o Encontro de Creadores Dixitais, que nesta ocasión contou coa presenza de Paisano con Bigote, Pez Salvaje, Sen Paraxe, Culiito Inquieto, Rutas y Restaurantes, Desayuna Coruña, Las Recetas de Malena e Pasear Galicia.
Reunións B2B
Unha vez máis estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca facilitaron ás empresas presentes no certame a apertura de novos mercados tanto en España como noutros países.
Neste espazo leváronse a cabo preto de 1.200 reunións nas que 130 empresas mostraron os seus produtos a 31 importadores e distribuidores alimentarios de quince países, como son Austria, Bélxica, Canadá, Colombia, España, Emiratos Árabes, Estados Unidos, Irlanda, México, Panamá, Reino Unido, República Checa, Romanía, Suíza e, como debutante, Honduras.
O peso dos compradores internacionais aumentou nesta edición respecto ás anteriores. Así, deles, vinte e seis eran importadores e os restantes, compradores nacionais, correspondéndose con cinco importantes cadeas de distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, Gadisa, El Corte Inglés, Lidl e, por primeira vez, Grupo Cuevas.
As opinións expresadas polos compradores coinciden en que os produtos presentes eran moi interesantes e de gran calidade, recibindo a organización un feedback moi positivo. Pola súa banda, tanto grandes empresas cuxa intención é exportar a outros países como pequenos produtores, manifestaron a súa satisfacción. En canto a estes últimos mostráronse moi compracidos por poder reunirse con perfís da distribución alimentaria nacional moi atractivos, como responsables de compras. Unha satisfacción por unha e outra banda que tivo como resultado un número de negocios xa pechados en feira tan alto que é moi pouco habitual neste tipo de encontros.
A estas mesas de negocio engadiuse unha pequena viaxe de familiarización na que participaron moitos dos compradores que acudiron aos Encontros Internacionais de Salimat Abanca e a maioría de operadores turísticos asistentes á Bolsa de Contratación de Turexpo Galicia. Comezou o venres pola tarde cunha visita ao Pazo do Faramello, situado sobre o canón do río Tinto, no municipio de Rois. Xa o sábado coñeceron Cambados, onde tiveron a oportunidade de acudir ao Pazo de Fefiñás & Gil de Armada e tamén ao xardín da Fundación Manolo Paz. Logo acudiron á adega Terras de Asorei, no concello de Meis, e descubriron o Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín de Excelencia Internacional, situado en Ribadumia. Finalmente, o domingo visitaron Santiago de Compostela e a súa catedral.
Estes Encontros Internacionais de Compradores de Salimat Abanca 2026, que se converteron unha vez máis nunha eficaz ferramenta de venda, contaron co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Clúster Alimentario de Galicia.

















